domingo, 8 de maio de 2011

O CORREO DA ESCOLA AGORA DIXITAL

Este blog quere seguir o camín no terreo dixital que hoxe se inaugura para O CORREO DA ESCOLA como órgano interno da Asociación Cultural da Escola de Gaitas.   O formato en papel co que se editaba ata o de agora, claro está, pasa a tomar este aspecto e deixa de ser un correo íntimo que se enviaba por correo postal ás casas dos socios/as e amigos/as para  asumir  outra dimensión máis semellante á das revistas dunha asociación, como, por outra parte, viña sendo ultimamente.

O Correo da Escola naceu no ano 1996 co obxectivo de que os membros, tanto os que residen na vila como os que se atopan fóra, puidesen facer un seguimento das actividades que se realizan a iniciativa da Escola, principalmente, entrado mesmo a debater sobre as mesmas no seu proxecto de realización.

Xa percorreu un longo camín impreso en papel querendo ser protador de propostas, debates e ideas (unhas leváronse a cabo, outras quedaron no tinteiro) e, á vez, converteuse nun medio moi útil para consolidarnos como colectivo e crear a nosa memoria tanto do que fixemos como do que desexaríamos ter feito, pero que logo non se fai. Tamén tivo cabida a creación literaria e mesmo a homenaxe a membros da Escola en momentos especiais sempre alegres, sempre positivos. Levamos ata o día de hoxe 33 números a unha media de dous ou tres exemplares por ano, coincidindo normalmente a súa saída días antes das festas do Aniversario da Escola (28 de decembro) ou da Festa do Maio ou do Cristo.

Outra das funciois foi facer da nosa fala un uso natural e habitual de comunicación entre os socios/as e amigos/as da Escola contribuíndo a que nós mesmos tivésemos superado esa pequena dificultade que supón pasar da lingua falada á escrita. Este obxectivo, como os anteriores, foi cumprido satisfactoriamente.

Esperemos que nesta nova etapa vaia cubrindo os mesmos obxectivos para os que naceu e consiga sumar a un número importante de amigos e colaboradores nas súas páxinas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario